Sunday 19 de May de 2024

O Concello de Lousame celebrará o seu Festival de Entroido este sábado 22 de febreiro no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra


 

Por seguridade viaria, os vehículos deberán acceder ao polideportivo dende o CPI Cernadas de Castro

O Concello de Lousame celebrará este sábado 22 de febreiro o seu Festival de Entroido, que terá lugar entre as 17:00 e as 20:00 horas no polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra” (A Silva). Un festival que mantén o modelo probado con éxito en 2016: non haberá Concurso de Disfraces, que pasará a converterse nun Desfile de Disfraces, tal e como explicou esta mañá a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, acompañada polos técnicos de Cultura, María Teresa Baluja, e Voluntariado, José Manuel Outeiral.

Silvia Agrafojo explica que “queremos premiar a participación, non os cartos que a familia pode gastar nun disfrace. A idea é que sexa unha actividade familiar onde a xente participe e desfrute da festa, escapando dos premios e do concurso”. De feito, ademais de desfile de disfraces infantil, este ano tamén haberá desfile de adultos. Todas as persoas que participen disfrazadas recibirán un agasallo e, como novidade deste ano, entre os adultos sortearase unha cea para dúas persoas. As inscricións poden realizarse o mesmo día do festival.

Cambio na circulación

Así, de 17:00 a 20:00 horas, o polideportivo da Silva acollerá obradoiros de Entroido e Inchables, con desfile e baile con DJ. Así mesmo, haberá degustación de orellas, filloas e chocolate con churros. Por segundo ano consecutivo, o mago Charly Braun participará na festa facendo trucos de maxia de cerca entre todas as persoas que estean desfrutando da do festival.

A concelleira de Cultura anuncia tamén “haberá un cambio no sentido do tráfico, polo que lle pedimos á veciñanza que entre por arriba, pola entrada principal do colexio e que saia polo camiño de abaixo, pola fonte do Redullo. Facémolo por motivos de seguridade e comodidade de todo o mundo, xa que agardamos a asistencia de moitos veciños e veciñas de Lousame e da contorna que desexen pasar unha boa festa de entroido”.